sábado, 13 de febreiro de 2016

Ata o ano que vén, Entroido larafuzán.

Unha das festas que máis gozan os nenos e nenas é o Entroido.
Esta celebración ten unha longa tradición na nosa terra, por iso , este ano, aproveitamos para coñecer algúns dos personaxes máis representativos das troulas galegas destas datas.
Grazas ao material compartido pola compañeira Dolores, do Cra de Bergondo, puidemos ver vídeos, fotografías, aprender algunha copla, decorar deseños dos diferentes personaxes e facer a nosa propia máscara de peliqueiros.




Coñecemos:
Os xenerais do Val do Ulla.

Os peliqueiros de Laza.

As pantallas de Xinzo de Limia. 

Os volantes de Chantada.

Os boteiros de Viana do Bolo. 












Este ano tiven a sorte de poder achegarme ata Viana do Bolo e ver aos fulións e boteiros ao vivo, así que aquí vos deixo algunha foto do seu entroido 2016.  






Ademais de todo isto, participamos na celebración do noso Entroido Olímpico. Unímonos á gran comitiva deportiva con disfrace de tenistas e reivindicamos a construción do novo centro baixo o lema "Pasan de nós olimpicamente". Visitade o blog do cole para ver máis fotos. 








Grazas ás familias pola súa colaboración. 













ATA O ANO, ENTROIDO! 

venres, 12 de febreiro de 2016

Onde tes ti a risa?

Velaquí un momento cheo de desfrute. Deses moitos que xorden na aula. 




Despois de axudar a Daniel a buscar a risa da súa irmá Lúa, seguimos o consello da curuxa e agasallámonos cunha sesión de cóxegas coa que conseguimos atopar unha boa chea de gargalladas. 




martes, 2 de febreiro de 2016

AS NOSAS PORTAS ESTÁN ABERTAS...



         Nós sabemos o que é a Paz.
A paz son as cousas boas: o amor, o cariño, darse abrazos, namorarse, darse bicos, cantar, rir e, por suposto, non pelexar.
Pero non hai paz onde hai guerra.
Na guerra hai canóns, hai bombas, lanzamisiles, pelexas… Onde hai guerra queda todo destruído e con lume. As pistolas da guerra, matan.
 Cremos que para que non haxa guerra as armas deberían ser feitas de caramelo porque, deste xeito, non matarían a ninguén. Ademais, falando e sabendo perdoar  poderiamos evitalas. 

    As persoas que teñen que escapar das súas vilas e cidades na procura dun lugar onde vivir en paz chámanse refuxiados.

    Nós escoitamos esta palabra na televisión e na radio.
Din que algúns refuxiados van polo mar e afogan.

    Os nenos e nenas que viven onde hai guerra  non teñen comida suficiente, nin auga, nin camas, nin escolas, nin medicinas, nin xoguetes, nin casas…
Por este motivo, eles, elas e as súas familias están moi tristes e asustados.
Teñen que  meter as cousas que lles quedan nunha maleta e fuxir a un sitio onde non haxa guerra e poidan vivir. Ás veces van ao deserto.

   Se chegase unha nena ou un neno a Vilalonga fuxindo da guerra dariámoslle unha casa onde vivir porque hai edificios que teñen moitas casas baleiras.
    Tamén precisarían dun traballo para gañar cartos e poder mercar comida e auga. Cando imos ao Eroski con papá ou mamá vemos sitios “baleiros”. Poderían traballar alí.
    No noso cole hai sitio para eles. Poderían vir á nosa clase.

     Nós sentímonos felices porque onde vivimos non hai guerra. Pero se nos paramos a pensar e imaxinamos que temos que fuxir a outro país botariamos moitas cousas de menos: os xoguetes que nos trouxo Papá Noel, a nosa casa, a nosa cama para durmir, os nosos zapatos para correr, a nosa roupa, as duchas para bañarnos e os bonecos que algúns utilizamos para durmir porque nos fan sentir  máis “tranquilas”.

     Gustaríanos poder falar con algún neno ou nena que foxe da guerra para poder dicirlle que :

          - Temos un montón de xoguetes para prestarche.
          - Ímoste curar coas medicinas que temos.
          - Levarémoste ao médico de Pontevedra.
          - Temos casas para ti.
          - Teño unha cama que podes usar.
         -  Darémosche auga, libros para ler e estudar, roupa e un estoxo para ir ao cole.
          - QUERO DARCHE TERRA PARA PLANTAR FLORES.


As nosas portas están abertas para eles/as. 




























Podedes ver un resumo da celebración do Día Escolar da  Non Violencia e a Paz aquí: 

https://ceipcruceiro.wordpress.com/2016/01/30/abrindo-portas-aos-refuxiados/