xoves, 4 de maio de 2017

ALIMÉNTATE BEN!

Hoxe puxémoslles as pilas aos nosos bocatas! 
Ensináronnos a escoller os ingredientes máis sans e nutritivos.
É fundamental potenciar nos nenos e nenas bos costumes alimentarios: comer variado, seleccionar os alimentos, coñecer as súas orixes, non abusar ou evitar os que non nos achegan ningún nutriente, etc. Isto será a base para un futuro saudable. 




domingo, 23 de abril de 2017

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

Neste vídeo están recollidas imaxes dalgunhas das actividades realizadas durante o proxecto da Volta ao Mundo. Aínda que faltan moitas, é unha boa mostra do que fixemos. Premede na imaxe para velo. 



mércores, 8 de marzo de 2017

DÍA DA MULLER.

Altas, baixas, loiras, morenas, gordas, fracas, viaxeiras, caseiras, nais, avoas, faladoras, caladas, montañeiras, cociñeiras, atletas, poetas, pensadoras, costureiras, filósofas, revolucionarias, soñadoras... 

VIVAS E LIBRES.





 




















POR UN FUTURO EN IGUALDADE! 
Eduquemos para conseguilo. 

Lecturas recomendadas para os nenos e nenas: 
"Artur e Clementina". Adela Turín. Kalandraka. 
"Rosa Caramelo". Adela Turín. Kalandraka.
Unha feliz catástrofe. Adela Turín. Kalandraka. 

Lecturas recomendadas para familias e profesorado
"Máis aló do azul e do rosa".  Ana Torres Jack. Editorial Galaxia. 


sábado, 4 de marzo de 2017

ENTROIDO 2017: O COLEXIO VAI A PIQUE. NOVO COLEXIO XA!

Neste Entroido metemos medo cos nosos disfraces de monstros do fondo do mar. A ver se co susto, empezan a construír o novo cole xa. O noso vai velliño de todo! 
Pasámolo en grande. Se queredes ver fotos do desfile ata o Revel, visitade o blog do centro: www.ceipcruceiro.wordpress.com
Quentando motores os días previos ao desfile. 


EXCURSIÓN AO TEATRO

O 22 de febreiro fomos ao Auditorio de Afundación a ver a obra "Osiño", da compañía de teatro Trompicallo. 
Desfrutamos moito do espectáculo e , como houbo sorte e tivemos bo día, merendamos ao sol na Alameda de Pontevedra.









sábado, 18 de febreiro de 2017

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS: PARÍS.

A nosa viaxe polo mundo enteiro, seguindo o percorrido de Phileas Fogg, está a ser do máis interesante. 
Estamos a descubrir un feixe de curiosidades que nos abraian. 
A nosa primeira parada foi París.









Preme na imaxe para ver o vídeo.



luns, 30 de xaneiro de 2017

AS ÁRBORES DA PAZ



No ano 2004, Wangari Maathai convertiuse na primeira muller africana en recibir o Premio Nobel da Paz. 

Esta activista política nacida en Kenia, contribuíu ao desenvolvemento sostible, a democracia e a paz e impulsou o, mundialmente coñecido, Movemento Cinturón Verde. Esta iniciativa ocupouse da protección do medio ambiente dando relevancia á muller africana e fixo fronte á aberrante deforestación que estaba tendo lugar no 1977. 

Na última semana coñecemos a historia de Wangari e abraiámonos descubrindo como ela, e moitas máis valentes mulleres, repoboaron os seus bosques plantando árbores e máis árbores. 

Quixemos facerlle a nosa particular homenaxe no Día Escolar da Non Violencia e a Paz. 






Fixemos a nosa árbore da paz.




Álvaro leu a nosa parte do manifesto: "A paz tamén é plantar unha maceira". 
                                                                              



Plantamos sementes de esperanza.

POR UN MUNDO CHEO DE PAZ E NATUREZA VIVA

xoves, 3 de novembro de 2016

SEMANA DO MEDO

Na semana do Samaín, pasámolo de medo nas aulas de Educación Infantil...
Obradoiro de monstros, receitas terroríficas, calacús espantosos e festa, moita festa. 
Convídovos a que pasedes polo blog do cole (ceipcruceiro.wordpress.com) para ver o vídeo resumo desta celebración.

Ou, se preferides, premede na imaxe para ir directamente. 



luns, 24 de outubro de 2016

O Capitán Nemo axúdanos a coñecer aos tiburóns.



Que gran noticia! En canto decidimos que queriamos investigar TODO sobre os tiburóns, recibimos unha carta dun tal Capitán Nemo que nos quere botar unha man. Di que vive dentro dun libro, así que agora andamos intentando decubrir o título dese conto para poder coñecer ao Capitán. Por agora só sabemos que o escribiu Julio Verne, o home que sae nas nosas axendas. 

xoves, 29 de setembro de 2016

DESPEDIMOS O VERÁN

Volveu o outono e xa comezamos a ver as follas cambiando de cor.
Á espera dos ricos froitos que nos trae esta estación, apuramos os últimos propios do verán, como os deliciosos figos cos que nos agasallou Victoria. 

Grazas, Victoria! 



ATA OUTRA, VERÁN! 

venres, 16 de setembro de 2016

ARRANCAMOS

Xa estamos de volta e comezando con ganas un novo curso. 

Hoxe comprobamos, a través da dinámica da tea de araña, o importantes que somos todos e cada unha de nós para o grupo, ao igual que a nosa actitude para que a aula funcione. 
Se alguén solta o fío... todo se desfai! 





BENVIDAS E BENVIDOS ! COMEZA A AVENTURA! 

venres, 8 de xullo de 2016

BO VERÁN!

(Pinchade na imaxe)

Neste vídeo queda un repaso en imaxes do que foi o curso 2015-2016. Vémonos en setembro con enerxías renovadas! BO VERÁN. 

DEBERES PARA O VERÁN 2016.
1.     O xoves 23 dorme ata espertar.
2.     Se podes, recolle algunha herba coa túa familia para a auga de San Xoán.
3.     Xoga moito.
4.     Le, escoita ou bota un ollo a todos os libros que poidas.
5.     Xoga fóra da casa, ao aire libre.  
6.     Fai unha casiña “do bosque”.
7.     Observa as nubes igual que fixemos no cole.
8.     Xoga moito.
9.     Dille ao avó ou á avoa que che conte unha historia de cando eran pequenos/as.
10. Cociña algunha receita coa túa familia.
11.  Axuda nas tarefas da casa.
12.  Se estás esperto/a cando saian as estrelas, míraas.
13.  Fai caso do que che din mamá e papá.
14.  Fai debuxos na area da praia.
15.  Brinca tan alto como poidas.
16.  Dilles a mamá, a papá e ao resto da familia que os queres.
17.  Xoga moito e con outros nenos e nenas.
18. Pregunta, se queres saber algo.
19.  Baila e canta ata cansar.
20. Senta debaixo dunha árbore.
21.  Coida da natureza que hai ao teu arredor e desfruta dela.


                               BOAS VACACIÓNS!! UN BICAZO! 

Aviso para as familias.

Prezadas familias,
xa están todas as fotos dispoñibles nas seguintes ligazóns:

https://drive.google.com/folderview?id=0B7yOdxiUEAbbMTItQk8ycVE3R1k&usp=sharing

https://drive.google.com/folderview?id=0B7yOdxiUEAbbdzF1dkFkSnRwaEU&usp=sharing

https://drive.google.com/folderview?id=0B7yOdxiUEAbbdW5zdDgzTjVWQXc&usp=sharing



Botade un ollo porque hai algunhas máis das que foron almacenadas nos pinchos e tamén todas a montaxes de vídeo.
Unha aperta! 

luns, 4 de xullo de 2016

RUXE-RUXE NA COLMEA.

Aquí un resumo do noso proxecto de investigación sobre as abellas. 

(Preme na imaxe)

domingo, 19 de xuño de 2016

CONVIDADAS ESPECIAIS: AS FAMILIAS.

Nas últimas semanas deste curso, tivemos a sorte de contar coa visita dalgunhas nais que se animaron a facer actividades co grupo.

Primeiro, na Semana das Letras Galegas, Sonia, a nai de Diego, agasallounos coa lectura dun conto moi especial : " A avoa Encarna fai niño". Fermoso.




Estefanía, a nai de Ainhoa, ensinounos a facer un cespín. Primeiro, preparamos o boneco e, despois, botamos as sementes do seu "pelo". Agora que xa pasaron unhas semanas, podemos dicirvos que os nosos cespíns xa teñen melena! Facede click na imaxe para ver un pequeno vídeo coas imaxes dese día.


Sonia volveu e, coa súa axuda, puxémoslle a cara do monstro das galletas a unhas magdalenas. Ademais, tróuxonos fondant para modelar como se fose plastilina. Moi rico e divertido! Preme para ver o vídeo.


Por último, Ebana, a nai de Sara Bolabo, amosounos como facer os nosos propios deseños con pintura en camisetas. Quedaron estupendas, moi persoais e únicas! Pincha para ver o vídeo.


Moitísimas grazas ás tres por participar e compartir con nós todo isto! 

Para o curso vindeiro máis!! 

sábado, 18 de xuño de 2016

MURAL DE VERÁN.

Eses pés rebuldeiros que teñen os nenos e nenas desta clase non ían servir só para correr e brincar de seguido... Sacámoslle proveito como instrumentos de pintura para facer o noso mural estival. 

Primeiro, saímos ao patio para observar as cores que nos arrodean estes días e escoller as témperas máis axeitadas para plasmar a paisaxe de xuño. 

Despois, pés á obra!

Desta volta, foron calzados e forrados con plástico de burbullas, o que permitiu crear esa textura tan agradable no deseño final. 

Foi divertido.